loader image

Actualidade / Novas

A asociación considera que o modelo actual quedou desfasado respecto da evolución das funcións e responsabilidades enfermeiras e propón adaptar as retribucións á carga asistencial, á especialización, á atención domiciliaria e á realidade do rural.

 

Galicia, 4 de outubro de 2026.

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) presenta o seu posicionamento e propostas de mellora do sistema retributivo das enfermeiras de Atención Primaria, no que reclama unha actualización profunda dun modelo que considera desfasado respecto da evolución das competencias, responsabilidades e funcións asumidas por estas profesionais.

AGEFEC sinala que non se trata dunha reivindicación salarial puntual, senón dunha cuestión que afecta directamente ao propio modelo de Atención Primaria. A asociación considera que Galicia arrastra unha débeda histórica no recoñecemento retributivo da enfermaría de Atención Primaria, mentres as necesidades da poboación, a complexidade dos coidados e as competencias profesionais evolucionaron profundamente.

O actual sistema mantén elementos procedentes do Decreto 226/1996, malia que posteriormente os acordos de 2008 e un borrador elaborado polo propio SERGAS en 2017 recoñeceron a necesidade de adaptar as retribucións ao número e ás características das persoas realmente asignadas a cada profesional. Tres décadas despois, cuestións como a individualización das TIS, a dispersión, a garantía retributiva no rural ou a actualización das diferentes modalidades continúan sen unha adaptación completa.

«Non podemos pretender unha Atención Primaria máis resolutiva, cun maior peso da prevención, da cronicidade, da atención domiciliaria e comunitaria, e seguir retribuíndo ás enfermeiras cun modelo deseñado para unha realidade asistencial de hai trinta anos».

Igual cualificación non pode valer menos por traballar en Atención Primaria

Entre as desigualdades identificadas, AGEFEC destaca a produtividade fixa xeral. Actualmente, unha enfermeira de Atención Primaria percibe por este concepto 54,48 euros mensuais, fronte aos 168,75 euros dunha enfermeira asistencial hospitalaria.

No caso das especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria, a diferenza é aínda maior: perciben igualmente 54,48 euros mensuais en Atención Primaria, fronte aos 185,09 euros establecidos para as enfermeiras especialistas.

AGEFEC reclama a equiparación destas contías, ao considerar que a adscrición a Atención Primaria non pode converterse, por si mesma, nunha penalización económica para profesionais pertencentes á mesma categoría ou coa mesma cualificación especializada.

A asociación propón tamén o recoñecemento dun complemento específico propio para a enfermaría de Atención Primaria, que valore circunstancias inherentes a estes postos como a dificultade técnica, a responsabilidade continuada sobre a poboación, a dedicación, a atención domiciliaria e comunitaria, os desprazamentos, a perigosidade e a penosidade de traballar frecuentemente en contornos non controlados.

Para os postos de especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria, AGEFEC defende ademais unha contía diferenciada que recoñeza a maior complexidade e responsabilidade derivadas do exercicio das competencias específicas da especialidade.

Un novo sistema de TIS que valore a poboación realmente atendida

Unha das principais reformas propostas é abandonar o actual sistema histórico de cartillas e tramos e substituír as modalidades A, B e C por unha única modalidade A baseada nas Tarxetas Individuais Sanitarias Axustadas por Idade (TAI).

AGEFEC propón que cada enfermeira sexa retribuída de acordo co número de persoas que ten efectivamente asignadas, ponderando a idade para recoñecer a diferente carga asistencial esperable ao longo do ciclo vital.

A proposta establece un valor de 0,375987 euros por TIS axustada e mes:

Retribución mensual da modalidade A = número total de TIS axustadas por idade × 0,375987 €

Este modelo permitiría pasar dun sistema baseado en cartillas, tramos e complementos fragmentados a outro máis proporcional, transparente e relacionado coa poboación efectivamente atendida e coa carga asistencial esperable.

Ademais, permitiría incorporar de maneira efectiva a atención enfermeira á poboación infantil, integrando a maior carga asociada ás primeiras idades dentro da propia ponderación.

Unha garantía mínima de 1.200 TIS para protexer a enfermaría rural

AGEFEC reclama incorporar á enfermaría a Modalidade D de garantía retributiva por baixa densidade demográfica, establecendo unha cota mínima garantida de 1.200 TIS.

Esta medida aplicaríase aos postos nos que, polas características demográficas do territorio, non resulte posible alcanzar ese número de persoas asignadas.

A retribución calcularíase sobre a diferenza entre a cota mínima garantida de 1.200 TIS e a cota efectiva da profesional, aplicando o valor unitario establecido para a nova modalidade A.

A finalidade é evitar que o despoboamento se traduza automaticamente nunha perda salarial para as profesionais que continúan garantindo a asistencia sanitaria nun territorio.

AGEFEC lembra que ter menos TIS nunha zona rural non significa necesariamente menor carga de traballo. Estes postos poden concentrar unha poboación máis envellecida, dependencia, fraxilidade, cronicidade, maior necesidade de atención domiciliaria, dispersión xeográfica, máis tempo de desprazamento e menor dispoñibilidade inmediata doutros recursos sanitarios.

«A despoboación non pode converterse nunha penalización salarial para quen garante a asistencia sanitaria no rural».

Reforzar a compensación pola dispersión e a atención domiciliaria

AGEFEC propón incrementar de maneira importante a Modalidade E de dispersión xeográfica, pola especial relevancia que os desprazamentos e a atención domiciliaria teñen na actividade enfermeira de Atención Primaria.

A proposta establece:

  • Grao I: 75 % da modalidade A.
  • Grao II: 85 % da modalidade A.
  • Grao III: 100 % da modalidade A.

Ademais, proponse un incremento adicional do 10 % da modalidade A por cada unidade de Atención Primaria adicional á que a profesional deba desprazarse para prestar asistencia.

AGEFEC subliña que a dispersión non significa unicamente percorrer máis quilómetros. Supón tamén maior consumo de tempo asistencial, menor capacidade para concentrar actividade, dificultade organizativa, utilización de vehículo, transporte de material e prestación dos coidados fóra das instalacións sanitarias.

«A dispersión non retribúe só quilómetros: retribúe o tempo, a dificultade e o custo de levar os coidados ao domicilio e manter a accesibilidade sanitaria dunha poboación dispersa».

Illamento e soidade profesional: AGEFEC reclama equiparación total con medicina de familia

AGEFEC reclama tamén unha revisión profunda das modalidades destinadas a compensar o illamento da localidade —Modalidade F— e a soidade profesional —Modalidade G—.

No caso da Modalidade F, a asociación defende a equiparación total da contía correspondente á enfermaría coa establecida para medicina de familia.

O motivo é que o complemento non remunera unha competencia específica dunha profesión, senón unha condición obxectiva do territorio e do posto de traballo: a distancia respecto dos grandes núcleos de poboación, dos hospitais de referencia e doutros recursos da organización.

Se unha enfermeira e un médico de familia traballan no mesmo centro de saúde, o illamento xeográfico é exactamente o mesmo para ambos. A distancia ao hospital, a dificultade para cubrir ausencias, o acceso á formación ou a menor dispoñibilidade de recursos non varían en función da categoría profesional.

Por iso, AGEFEC considera que unha mesma condición territorial debe recibir a mesma compensación económica.

«Se o illamento é unha característica do territorio, a súa valoración económica non pode depender da categoría profesional da persoa que traballa nel».

O mesmo criterio se aplica á Modalidade G de soidade profesional.

Esta modalidade compensa os postos nos que non existe outro profesional da mesma categoría no concello. AGEFEC considera que esta circunstancia é conceptualmente idéntica para medicina e enfermaría: un único médico no concello representa soidade profesional, do mesmo xeito que a representa unha única enfermeira.

No caso da enfermaría, esta situación implica menor capacidade para compartir ou redistribuír actividade, organizar coberturas, repartir atención domiciliaria, realizar intersubstitucións internas ou manter a continuidade dos coidados ante unha ausencia.

Por este motivo, AGEFEC reclama igualmente a equiparación total da Modalidade G de enfermaría coa contía establecida para medicina de familia.

«A soidade profesional é a mesma cando existe un único médico que cando existe unha única enfermeira: o que se compensa é a ausencia doutro profesional da mesma categoría, non a profesión».

AGEFEC considera, ademais, que tanto a Modalidade F como a G deben utilizarse como verdadeiras ferramentas de captación e fidelización de profesionais en destinos rurais, afastados e de difícil cobertura, contribuíndo á estabilidade dos equipos e á equidade territorial no acceso aos servizos sanitarios.

AGEFEC reclama equiparar o valor económico dos obxectivos profesionais

Outro dos puntos de maior desigualdade identificados é o complemento de produtividade variable ligado ao cumprimento de obxectivos —CPV/ADX—.

Actualmente, a contía máxima anual é de 375,12 euros para enfermaría de Atención Primaria, fronte aos 2.490,96 euros establecidos para medicina de familia. A contía de enfermaría representa arredor do 15 % da correspondente a medicina.

AGEFEC propón equiparar a contía máxima anual da enfermaría á establecida para medicina de familia.

A asociación aclara que esta equiparación económica non significa que médicos e enfermeiras deban ter os mesmos indicadores. Os obxectivos deben responder ás competencias propias de cada profesión e existir indicadores especificamente enfermeiros relacionados coa actividade e cos resultados sobre os que estas profesionais teñan capacidade real de intervención.

Ámbitos como a prevención, promoción da saúde, vacinación, seguimento da cronicidade, atención domiciliaria, adherencia, control de factores de risco ou continuidade dos coidados requiren unha participación directa da enfermaría.

«Os obxectivos poden e deben ser diferentes porque as competencias profesionais son diferentes; o que non resulta proporcionado é que alcanzar os obxectivos propios da enfermaría se valore economicamente nun 15 % do que se valora o cumprimento dos obxectivos de medicina de familia».

AGEFEC reclama tamén que os obxectivos sexan definidos e comunicados desde o inicio do período de avaliación, sexan claros, medibles e alcanzables e que a Administración facilite os recursos, sistemas de información e formación necesarios para o seu cumprimento.

Recoñecer a responsabilidade das coordinacións de enfermaría

O posicionamento incorpora tamén medidas específicas para as coordinadoras e coordinadores de servizo de enfermaría.

AGEFEC propón elevar o complemento de destino destas prazas ao nivel 24, establecendo unha progresión coherente entre o posto asistencial ordinario, o posto de especialista e o posto con responsabilidade de coordinación.

A asociación reclama igualmente equiparar o complemento específico da coordinación, como mínimo, ao de Supervisor/a de Área Funcional, e equiparar dentro da Modalidade H a Coordinación de Servizo coa Xefatura de Servizo.

A proposta baséase nas responsabilidades reais que estas profesionais asumen en materia de planificación, organización, supervisión, avaliación, xestión de persoal e recursos e funcionamento global do servizo, compatibilizando en moitos casos estas funcións coa actividade asistencial.

Recoñecemento da docencia e das titoras de Enfermaría Familiar e Comunitaria

AGEFEC reclama igualmente un maior recoñecemento das especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria que participan na Formación Sanitaria Especializada dos residentes EIR.

A asociación propón incorporar a categoría de Enfermaría Familiar e Comunitaria aos mecanismos específicos de progresión na carreira profesional vinculados á titorización: posibilidade de progresión do grao inicial ao grao I tras dous anos de exercicio efectivo da titoría e do grao III ao IV tras cinco anos de titorización durante a permanencia no grao III.

Propón tamén converter este mecanismo nunha medida permanente e establecer unha retribución específica polo exercicio efectivo das responsabilidades docentes, incluíndo as funcións de titor/a principal, titor/a de apoio, Presidencia da Subcomisión de Especialidades de Enfermaría e coordinación docente de residentes ou titores.

Igual compensación cando se asume o traballo dunha profesional ausente

O documento aborda tamén a Modalidade J de intersubstitución, que compensa aos profesionais que, ademais da súa propia actividade, asumen a correspondente a outro profesional ausente e non substituído.

AGEFEC reclama que, cando unha enfermeira asuma efectivamente esa actividade adicional, a compensación se calcule tomando como referencia a carga e a produtividade correspondente á profesional ausente e se apliquen os mesmos conceptos e porcentaxes retributivos que ao resto das categorías de Atención Primaria.

A asociación lembra que unha ausencia non significa simplemente repartir pacientes: pode implicar asumir consultas programadas e non programadas, curas, procedementos, seguimentos de persoas con cronicidade, atención domiciliaria e actividades preventivas que non poden demorarse.

«Decidir como retribuímos é tamén decidir que Atención Primaria queremos»

Para AGEFEC, a reforma retributiva debe entenderse tamén como unha ferramenta de política sanitaria e de recursos humanos.

Un sistema retributivo adecuado pode contribuír a captar e fidelizar profesionais, facer máis atractivas as prazas rurais e de difícil cobertura, incentivar a especialización e a docencia, recoñecer responsabilidades e favorecer a estabilidade dos equipos.

Nun contexto marcado polo envellecemento, a cronicidade, a dependencia e unha necesidade crecente de atención domiciliaria, prevención, promoción da saúde e intervención comunitaria, a asociación considera contraditorio incrementar progresivamente a capacidade resolutiva, autonomía e responsabilidade das enfermeiras sen que exista unha evolución paralela do seu recoñecemento profesional e retributivo.

AGEFEC insiste en que a súa proposta non debe interpretarse como unha simple relación de incrementos económicos, senón como unha proposta de modernización do sistema retributivo destinada a corrixir desigualdades, actualizar conceptos obsoletos e vincular mellor a remuneración coa carga asistencial, a responsabilidade, a especialización e as condicións reais nas que se prestan os coidados.

«Recoñecer adecuadamente ás enfermeiras de Atención Primaria non é só unha cuestión retributiva: é unha decisión sobre que Atención Primaria queremos ter no futuro».

  • A sociedade científico-profesional que aglutina ao conxunto das enfermeiras de Atención Primaria de Galicia, considera desproporcionados os criterios da Consellería e formula outros máis realistas. 

 

En relación á mesa sectorial de sanidade do día 28 de setembro de 2026, e a información que ten feito pública a Consellería de Sanidade a través dos comunicados sobre o plan de recursos humanos sobre a dotación de novos postos, a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), como sociedade científica enfermeira que representa as Enfermeiras de Atención Primaria de Galicia, realiza as seguintes consideracións:  

  • Valoramos moi positivamente que a Consellería de Sanidade recoñeza unha vez máis o valor das enfermeiras especialistas de enfermaría familiar e comunitaria sobre o papel, recoñecendo o aporte que se realiza no día a día na abordaxe das enfermidades crónicas dende a perspectiva dos coidados, da promoción da saúde e a prevención da enfermidade e as súas complicacións, na actividade asistencial preventiva, comunitaria e domiciliaria.  
  • Lamentamos porén, que o recoñecemento sexa sobre papel mollado, pois os criterios de dotación de novos postos de traballo, afástanse notoriamente aos criterios non de calidade, se non básicos e elementais, para que as enfermeiras de atención primaria poidan desenvolver toda esta labor.  
  • Por outra banda, lamentamos o descoñecemento do rol, traballo e capacitación das enfermeiras especialistas en familiar e comunitaria por parte da Consellería, ao asociar o número de postos a existencia doutros profesionais. Lembramos que Enfermaría é unha profesión regulada, autónoma, independente e especializada, e non supeditada a presenza doutras. Sen ter clara esta realidade, non é posible xestionar nin planificar uns coidados de calidade e especializados que respondan as necesidades da poboación galega.  

En base a estas consideracións, dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria, propoñemos a reformulación dos seguintes criterios, para dar unha resposta adecuada e eficaz ás necesidades dos galegos e galegas. Criterios de dotación de novos poste de traballo:

  • Criterio de distribución etárea: 
    • Se a poboación de maiores de 65 anos é inferior ao 25% (menos de 300 persoas) da cota: 1.200 TIS 
    • Se a poboación de maiores de 65 é maior ao 25% (máis de 300 persoas) da cota: 1000 TIS. No suposto de que a poboación de maiores de 80 anos é maior do 20% (200 persoas), debe reducirse a 800 TIS.  

 

  • Criterio de consultas:  
    • Consideramos perigoso utilizar este criterio, pois non sempre responde ás necesidades da poboación, e moitas veces está ligado realidades de complexidade clínica, grao de control de enfermidade crónica, dispersión, illamento, problemas sociais. A enfermaría familiar e comunitaria realiza unha abordaxe integral e holística da persoa, a familia e a comunidade, cunha valoración integral e seguimento continuado a través de actividades proactivas, coidados especializados, promoción da saúde e prevención da enfermidade, fomento do autocoidado, etc. Todos estes factores poden determinar unha necesidade de atención moi diferente, facendo necesario considerar a complexidade e intensidade dos coidados requeridos, mesmo ante un número similar de consultas ou incluso inferiro. Así e todo, se a media de consultas anuais supera os 20 pacientes diarios (por tódolos motivos de consulta ou atención), deberán adoptar medidas de avaliación, corrección e reforzo. 

 

  • Criterio de dispersión xeográfica e dependencia: 
    • En zonas con alta taxa de pacientes inmobilizados e no que a atención domiciliaria require grandes desprazamentos “en tempo”, este factor debe ser avaliado individualmente para facilitar reforzos temporais ou dotar de novas prazas estruturais.  

 

 Por último, manifestar que a complexidade clínica (medicina) non sempre vai ligada a complexidade de coidados (enfermaría), porque se ben habitualmente están asociadas, hai moitas ocasións, que pacientes con atención recorrente, moi frecuente pola enfermeira de familia, apenas requiren seguimento por medicina, por tratarse de necesidades de coidados e non necesidades de diagnóstico médico e tratamento médico.

Un ano do Marco Estratéxico para os Coidados de Enfermería: cara a unha transformación do sistema sanitario

O primeiro ano de desenvolvemento do Marco Estratéxico para os Coidados de Enfermería 2025-2027 consolida os coidados como un elemento estratéxico da planificación, a gobernanza e a sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde.

A revista Enfermería Clínica publica o editorial
“Un año del Marco Estratégico para los Cuidados de Enfermería: del compromiso político a la transformación del sistema”,
no que se realiza un primeiro balance do desenvolvemento do
Marco Estratéxico para os Coidados de Enfermería (MECE) 2025-2027.

O MECE foi aprobado por unanimidade polo Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en maio de 2025 e supuxo un cambio relevante na consideración dos coidados dentro das políticas sanitarias: deixan de concibirse unicamente como unha cuestión profesional para integrarse como unha
política sanitaria transversal.

A principal transformación do MECE non reside só nas actuacións desenvolvidas, senón na creación dunha estrutura estable de gobernanza dos coidados e na incorporación desta perspectiva ás decisións estratéxicas do Sistema Nacional de Saúde.

Cinco grandes liñas estratéxicas

O Marco articúlase arredor de cinco ámbitos que deben avanzar de forma coordinada:

👥

Recursos humanos

Adecuar a dotación de profesionais de enfermaría ás necesidades reais da poboación.

🩺

Práctica profesional

Avanzar cara a un Modelo de Práctica Profesional común para enfermeiras e TCAE.

🔄

Competencias e roles

Revisar e desenvolver competencias e novos roles para aproveitar todo o potencial profesional.

📣

Liderado enfermeiro

Reforzar a presenza, a visibilidade e a participación da enfermaría na toma de decisións.

🔬

Investigación

Impulsar a investigación, a innovación e a transferencia da evidencia aos coidados.

Unha nova gobernanza dos coidados

Un dos avances máis destacados é a consolidación do
Comité de Coidados en Saúde,
dependente da Secretaría de Estado de Sanidade. Esta estrutura permite integrar a perspectiva dos coidados nas políticas sanitarias e favorecer a colaboración entre o Ministerio, as comunidades autónomas, sociedades científicas, organizacións profesionais, sindicatos e organizacións de pacientes.

O proceso está contribuíndo tamén a reforzar o
liderado e a visibilidade enfermeira,
tanto no ámbito estatal como no autonómico e internacional.

Planificar con datos e evidencia

Outra das apostas fundamentais do MECE é dispoñer de información que permita coñecer as necesidades reais do sistema. Neste primeiro período elaboráronse estudos sobre dispoñibilidade e necesidades de enfermeiras, formación sanitaria especializada, situación profesional e necesidades percibidas polos profesionais.

Neste contexto destaca tamén a creación do
Observatorio de Investigación en Coidados,
que busca coordinar a investigación, identificar prioridades científicas, avaliar o impacto das intervencións e facilitar a incorporación da evidencia científica á práctica asistencial e á planificación sanitaria.

Da ratio fixa á complexidade dos coidados

O MECE propón avanzar cara a un modelo no que a dotación de persoal non dependa unicamente de cifras ou ratios estruturais, senón tamén da
complexidade das persoas, das súas necesidades reais de coidados e da carga asistencial.

O Ministerio de Sanidade, o Instituto de Saúde Carlos III e a Organización Mundial da Saúde están a traballar no desenvolvemento dun
sistema nacional de estratificación dos pacientes segundo a súa complexidade individual de coidados.

Entre os avances xa realizados figura a harmonización de datos das diferentes comunidades autónomas e o desenvolvemento dun primeiro marco nacional de complexidade, acompañado dunha ferramenta preliminar capaz de calcular un Índice de Complexidade Individual aplicable á Atención Primaria, hospitalaria e aos coidados de longa duración.

Desenvolvemento profesional e novos roles

O Marco traballa tamén na definición dun
Modelo de Práctica Profesional consensuado,
na revisión das competencias profesionais e no desenvolvemento de novos roles, entre eles os relacionados coa
Enfermaría de Práctica Avanzada.

Ao mesmo tempo, estanse impulsando os procedementos de acreditación e acreditación avanzada e revisando diferentes normas que afectan directamente á práctica profesional de enfermeiras e TCAE.

O reto: demostrar o impacto dos coidados

De cara aos próximos anos, un dos principais desafíos será consolidar unha
cultura de avaliación
que permita demostrar de maneira sistemática o impacto dos coidados nos resultados en saúde.

Isto implica avanzar en indicadores de coidados, sistemas de clasificación de pacientes e modelos de dotación de profesionais baseados na evidencia, na complexidade clínica e na continuidade asistencial.


Os coidados como eixo do sistema sanitario

Tras o seu primeiro ano de desenvolvemento, o MECE avanza cara a un cambio cultural no Sistema Nacional de Saúde: integrar os coidados como un elemento esencial da
calidade, a seguridade e a sustentabilidade
e conseguir que a planificación dos recursos enfermeiros responda ás necesidades reais das persoas.


Calendario Científico de Enfermaría


Un proxecto colaborativo para recuperar, preservar e divulgar a contribución
da enfermaría ao coñecemento científico, á investigación, aos coidados e á mellora da saúde.

Desde a Unidade de Cultura Científica e da Innovación do Instituto Español de Investigación Enfermeira
están a desenvolver o Calendario Científico de Enfermaría, unha iniciativa destinada a
recuperar e poñer en valor a historia, o patrimonio científico e a contribución da profesión enfermeira á sociedade.

Nesta primeira edición prestarase especial atención á
historia e ao patrimonio científico da enfermaría española,
incorporando persoas, acontecementos, publicacións, investigacións,
institucións, innovacións e proxectos que permitan coñecer a evolución da profesión
desde as súas orixes ata a actualidade.


AGEFEC anima a participar

As socias e socios poden propoñer referentes, datas, acontecementos,
investigacións, institucións ou iniciativas relacionadas coa enfermaría en España
que consideren relevantes para a construción da súa memoria científica e profesional.


Que se pode propoñer?


👩‍⚕️ Profesionais referentes

Enfermeiras investigadoras, docentes, xestoras ou referentes dos coidados e da práctica clínica.


🔬 Investigación e innovación

Investigacións, publicacións, modelos, teorías, innovacións ou avances desenvolvidos por enfermeiras.


🏥 Institucións e entidades

Creación de escolas, colexios profesionais, sociedades científicas,
asociacións ou institucións enfermeiras.


📅 Datas e fitos históricos

Aniversarios, acontecementos e fitos relacionados coa evolución académica,
profesional ou científica da enfermaría.


🌍 Saúde pública e comunidade

Contribucións á saúde pública, á educación sanitaria,
á Atención Comunitaria ou á mellora dos coidados.


🤝 Proxectos colectivos

Iniciativas lideradas por enfermeiras que transformasen ou estean transformando
a atención ás persoas e comunidades.


Desde as orixes ata a actualidade

As propostas poden corresponder a calquera período histórico.
Non se buscan unicamente figuras do pasado: tamén se poden presentar
enfermeiras en activo, investigacións recentes, experiencias innovadoras,
proxectos asistenciais, docentes ou comunitarios e outras iniciativas que
estean contribuíndo actualmente ao desenvolvemento da profesión.


Envía a túa proposta


Deberá cubrirse un formulario diferente por cada persoa, data,
acontecemento, proxecto ou iniciativa proposta.


Acceder ao formulario →

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria presenta as súas propostas ao proxecto de modificación do Decreto 134/2019, co obxectivo de reforzar a Atención Primaria, os coidados, a saúde comunitaria e o desenvolvemento da especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria.

Que supón este proxecto?

A Xunta de Galicia está a tramitar unha modificación do Decreto 134/2019, do 10 de outubro, norma que regula a organización das áreas e dos distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia.

A reforma reforza a presenza da Atención Primaria e Comunitaria e dos coidados na estrutura directiva das áreas sanitarias, incorporando expresamente a dimensión comunitaria e establecendo unha dependencia directa da Dirección de Atención Primaria e Comunitaria e da Dirección de Enfermaría e Coidados respecto da Xerencia de Área.

Desde AGEFEC valoramos positivamente esta orientación. Non obstante, consideramos que a reforma pode avanzar máis para garantir un desenvolvemento real e homoxéneo da saúde comunitaria nas sete áreas sanitarias, reforzar a participación da enfermaría na gobernanza da Atención Primaria e favorecer a implantación efectiva das especialidades de enfermaría, especialmente da Enfermaría Familiar e Comunitaria (EFeC).

As propostas da AGEFEC

Dar contido real á orientación comunitaria da Atención Primaria

AGEFEC considera que non abonda con incorporar o termo «comunitaria» á denominación da Dirección. Proponse incluír expresamente funcións relacionadas coa análise das necesidades de saúde da comunidade, a promoción da saúde, a participación comunitaria, a coordinación intersectorial, o mapeo de activos e a perspectiva de equidade e vulnerabilidade.

Unha Subdirección de Enfermaría de Atención Primaria e Comunitaria nas sete áreas

Solicitamos que todas as áreas sanitarias conten expresamente cunha Subdirección de Enfermaría e Coidados de Atención Primaria e Comunitaria, con competencias propias e específicas, garantindo unha estrutura homoxénea e unha interlocución enfermeira estable en todo o territorio galego.

Vincular a responsabilidade enfermeira á especialidade de EFeC

Proponse que o título de Enfermeiro/a Especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria sexa requisito para desempeñar a Subdirección de Enfermaría e Coidados de Atención Primaria e Comunitaria. Se non fose posible establecelo como requisito, debería considerarse un mérito específico e preferente.

Reservar a Dirección de Enfermaría e Coidados a profesionais de Enfermaría

AGEFEC solicita que a norma estableza expresamente que a persoa titular da Dirección de Enfermaría e Coidados debe estar en posesión do título que habilite para o exercicio profesional da Enfermaría, garantindo a correspondencia entre as competencias do órgano directivo e a cualificación de quen o dirixe.

Eliminar a denominación «Subdirección Médica de Atención Primaria e Comunitaria»

Nos anexos correspondentes ás áreas de Santiago de Compostela e A Barbanza e A Coruña e Cee utilízase esta denominación. AGEFEC propón substituíla por «Subdirección de Atención Primaria e Comunitaria», coherente co carácter multiprofesional deste nivel asistencial.

Garantir a representación enfermeira na Comisión de Atención Primaria

Proponse convertela na Comisión de Atención Primaria e Comunitaria da Área e incorporar á súa composición ás persoas responsables ou coordinadoras de enfermaría e coidados dos centros de saúde, ademais de incluír entre as súas funcións a saúde comunitaria, a participación cidadá e a coordinación intersectorial.

Avaliar a Atención Primaria máis alá da actividade e das axendas

Solicitamos incorporar indicadores específicos de accesibilidade, lonxitudinalidade, continuidade asistencial e de coidados, capacidade resolutiva, atención domiciliaria, prevención e promoción da saúde, actividade comunitaria, equidade e resultados en saúde.

Planificar as necesidades de profesionais e especialidades

A estrutura directiva debe identificar as necesidades das diferentes categorías e especialidades segundo as necesidades da poboación, a carteira de servizos e as competencias profesionais. AGEFEC propón tamén que a Dirección de Enfermaría e Coidados planifique, impulse e avalíe a implantación das especialidades de enfermaría.

Prioridades que AGEFEC considera esenciais

Dotar de contido real e avaliable á dimensión comunitaria da Atención Primaria.

Garantir unha Subdirección de Enfermaría e Coidados de Atención Primaria e Comunitaria identificada nas sete áreas sanitarias.

Vincular os postos de responsabilidade enfermeira en Atención Primaria á especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria.

Garantir que a Dirección de Enfermaría e Coidados sexa desempeñada por profesionais titulados en Enfermaría.

Avanzar cara a estruturas de gobernanza verdadeiramente multiprofesionais.

Incorporar a representación enfermeira e a dimensión comunitaria á Comisión de Atención Primaria.

Unha oportunidade para avanzar

AGEFEC entende que o proxecto representa unha oportunidade para consolidar unha estrutura directiva máis orientada á Atención Primaria, aos coidados e á comunidade.

As modificacións propostas buscan que este reforzo sexa efectivo e homoxéneo en todas as áreas sanitarias, coherente cun modelo multiprofesional, baseado nas competencias e orientado aos resultados en saúde.

Desde AGEFEC continuaremos participando nos procesos normativos que contribúan ao desenvolvemento da Enfermaría Familiar e Comunitaria e dunha Atención Primaria forte, resolutiva e verdadeiramente comunitaria.

Situación de Últimos Días: claves para a súa identificación

A identificación dunha Situación de Últimos Días (SUD) require integrar
o xuízo clínico coa valoración interdisciplinar, as escalas funcionais
e a presenza de signos físicos de alta especificidade.

Recoñecer adecuadamente a proximidade do final da vida permite orientar
a valoración e os coidados ás necesidades da persoa e da súa familia.
Neste vídeo repasamos algúns dos principais elementos clínicos que poden
axudar aos profesionais na identificación dunha SUD.

O xuízo clínico como peza clave

O xuízo clínico continúa sendo
un elemento fundamental para realizar un diagnóstico situacional adecuado.

A evolución da persoa, o contexto clínico e a valoración global deben
interpretarse de maneira conxunta, evitando basear a identificación da
situación de últimos días nun único parámetro illado.

Escalas funcionais como apoio á valoración

PPS · Palliative Performance Scale

PPS ≤ 20 %

No vídeo destácase que un valor de
PPS igual ou inferior ao 20 %
pode constituír un indicador clínico relevante de entrada nunha
Situación de Últimos Días.

ECOG

Estado funcional

A escala ECOG permite valorar
o estado funcional da persoa e achega información relacionada coa
calidade de vida e co prognóstico a curto prazo.

Criterios de Menten e signos físicos

A aparición progresiva de determinados signos clínicos pode axudar a
recoñecer as fases máis avanzadas do proceso de morrer.

Fase preagónica
Presenza aproximada de 1 a 3 signos.

Fase agónica

Coexistencia aproximada de 4 a 8 signos.

  • Nariz pálido.
  • Extremidades frías.
  • Livideces.
  • Estertores.
  • Apneas prolongadas.
  • Oliguria ou anuria.
  • Somnolencia extrema.

Signos de elevada especificidade

  • Respiración con movemento mandibular.
  • Ausencia de pulso radial.
  • Cianose periférica.
Especificidade > 80 %
Preditores a curto prazo · 72 h

Signos de moi alta especificidade

  • Hiperextensión do pescozo.
  • Caída do pregamento nasolabial.
Especificidade > 95 %

Identificación dunha Situación de Últimos Días

Xuízo clínico
+
Valoración interdisciplinar
+
Escalas funcionais
+
Signos físicos

A integración de toda esta información facilita unha valoración máis
completa da situación clínica e axuda a identificar o momento no que
a persoa pode estar entrando nos seus últimos días de vida.


AGEFEC · Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria

Bibliografía MP SUD

Seccións

Etiquetas

Publicacións recentes

AGEFEC reclama unha reforma integral do sistema retributivo das enfermeiras de Atención Primaria de Galicia

A AGEFEC considera moi desacertada a proposta de novas dotacións de enfermeiras de familia na Atención Primaria

MECE

Calendario Científico de Enfermaría