loader image

Actualidade / Novas

AGEFEC reclama unha reforma integral do sistema retributivo das enfermeiras de Atención Primaria de Galicia

A asociación considera que o modelo actual quedou desfasado respecto da evolución das funcións e responsabilidades enfermeiras e propón adaptar as retribucións á carga asistencial, á especialización, á atención domiciliaria e á realidade do rural.

 

Galicia, 4 de outubro de 2026.

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) presenta o seu posicionamento e propostas de mellora do sistema retributivo das enfermeiras de Atención Primaria, no que reclama unha actualización profunda dun modelo que considera desfasado respecto da evolución das competencias, responsabilidades e funcións asumidas por estas profesionais.

AGEFEC sinala que non se trata dunha reivindicación salarial puntual, senón dunha cuestión que afecta directamente ao propio modelo de Atención Primaria. A asociación considera que Galicia arrastra unha débeda histórica no recoñecemento retributivo da enfermaría de Atención Primaria, mentres as necesidades da poboación, a complexidade dos coidados e as competencias profesionais evolucionaron profundamente.

O actual sistema mantén elementos procedentes do Decreto 226/1996, malia que posteriormente os acordos de 2008 e un borrador elaborado polo propio SERGAS en 2017 recoñeceron a necesidade de adaptar as retribucións ao número e ás características das persoas realmente asignadas a cada profesional. Tres décadas despois, cuestións como a individualización das TIS, a dispersión, a garantía retributiva no rural ou a actualización das diferentes modalidades continúan sen unha adaptación completa.

«Non podemos pretender unha Atención Primaria máis resolutiva, cun maior peso da prevención, da cronicidade, da atención domiciliaria e comunitaria, e seguir retribuíndo ás enfermeiras cun modelo deseñado para unha realidade asistencial de hai trinta anos».

Igual cualificación non pode valer menos por traballar en Atención Primaria

Entre as desigualdades identificadas, AGEFEC destaca a produtividade fixa xeral. Actualmente, unha enfermeira de Atención Primaria percibe por este concepto 54,48 euros mensuais, fronte aos 168,75 euros dunha enfermeira asistencial hospitalaria.

No caso das especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria, a diferenza é aínda maior: perciben igualmente 54,48 euros mensuais en Atención Primaria, fronte aos 185,09 euros establecidos para as enfermeiras especialistas.

AGEFEC reclama a equiparación destas contías, ao considerar que a adscrición a Atención Primaria non pode converterse, por si mesma, nunha penalización económica para profesionais pertencentes á mesma categoría ou coa mesma cualificación especializada.

A asociación propón tamén o recoñecemento dun complemento específico propio para a enfermaría de Atención Primaria, que valore circunstancias inherentes a estes postos como a dificultade técnica, a responsabilidade continuada sobre a poboación, a dedicación, a atención domiciliaria e comunitaria, os desprazamentos, a perigosidade e a penosidade de traballar frecuentemente en contornos non controlados.

Para os postos de especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria, AGEFEC defende ademais unha contía diferenciada que recoñeza a maior complexidade e responsabilidade derivadas do exercicio das competencias específicas da especialidade.

Un novo sistema de TIS que valore a poboación realmente atendida

Unha das principais reformas propostas é abandonar o actual sistema histórico de cartillas e tramos e substituír as modalidades A, B e C por unha única modalidade A baseada nas Tarxetas Individuais Sanitarias Axustadas por Idade (TAI).

AGEFEC propón que cada enfermeira sexa retribuída de acordo co número de persoas que ten efectivamente asignadas, ponderando a idade para recoñecer a diferente carga asistencial esperable ao longo do ciclo vital.

A proposta establece un valor de 0,375987 euros por TIS axustada e mes:

Retribución mensual da modalidade A = número total de TIS axustadas por idade × 0,375987 €

Este modelo permitiría pasar dun sistema baseado en cartillas, tramos e complementos fragmentados a outro máis proporcional, transparente e relacionado coa poboación efectivamente atendida e coa carga asistencial esperable.

Ademais, permitiría incorporar de maneira efectiva a atención enfermeira á poboación infantil, integrando a maior carga asociada ás primeiras idades dentro da propia ponderación.

Unha garantía mínima de 1.200 TIS para protexer a enfermaría rural

AGEFEC reclama incorporar á enfermaría a Modalidade D de garantía retributiva por baixa densidade demográfica, establecendo unha cota mínima garantida de 1.200 TIS.

Esta medida aplicaríase aos postos nos que, polas características demográficas do territorio, non resulte posible alcanzar ese número de persoas asignadas.

A retribución calcularíase sobre a diferenza entre a cota mínima garantida de 1.200 TIS e a cota efectiva da profesional, aplicando o valor unitario establecido para a nova modalidade A.

A finalidade é evitar que o despoboamento se traduza automaticamente nunha perda salarial para as profesionais que continúan garantindo a asistencia sanitaria nun territorio.

AGEFEC lembra que ter menos TIS nunha zona rural non significa necesariamente menor carga de traballo. Estes postos poden concentrar unha poboación máis envellecida, dependencia, fraxilidade, cronicidade, maior necesidade de atención domiciliaria, dispersión xeográfica, máis tempo de desprazamento e menor dispoñibilidade inmediata doutros recursos sanitarios.

«A despoboación non pode converterse nunha penalización salarial para quen garante a asistencia sanitaria no rural».

Reforzar a compensación pola dispersión e a atención domiciliaria

AGEFEC propón incrementar de maneira importante a Modalidade E de dispersión xeográfica, pola especial relevancia que os desprazamentos e a atención domiciliaria teñen na actividade enfermeira de Atención Primaria.

A proposta establece:

  • Grao I: 75 % da modalidade A.
  • Grao II: 85 % da modalidade A.
  • Grao III: 100 % da modalidade A.

Ademais, proponse un incremento adicional do 10 % da modalidade A por cada unidade de Atención Primaria adicional á que a profesional deba desprazarse para prestar asistencia.

AGEFEC subliña que a dispersión non significa unicamente percorrer máis quilómetros. Supón tamén maior consumo de tempo asistencial, menor capacidade para concentrar actividade, dificultade organizativa, utilización de vehículo, transporte de material e prestación dos coidados fóra das instalacións sanitarias.

«A dispersión non retribúe só quilómetros: retribúe o tempo, a dificultade e o custo de levar os coidados ao domicilio e manter a accesibilidade sanitaria dunha poboación dispersa».

Illamento e soidade profesional: AGEFEC reclama equiparación total con medicina de familia

AGEFEC reclama tamén unha revisión profunda das modalidades destinadas a compensar o illamento da localidade —Modalidade F— e a soidade profesional —Modalidade G—.

No caso da Modalidade F, a asociación defende a equiparación total da contía correspondente á enfermaría coa establecida para medicina de familia.

O motivo é que o complemento non remunera unha competencia específica dunha profesión, senón unha condición obxectiva do territorio e do posto de traballo: a distancia respecto dos grandes núcleos de poboación, dos hospitais de referencia e doutros recursos da organización.

Se unha enfermeira e un médico de familia traballan no mesmo centro de saúde, o illamento xeográfico é exactamente o mesmo para ambos. A distancia ao hospital, a dificultade para cubrir ausencias, o acceso á formación ou a menor dispoñibilidade de recursos non varían en función da categoría profesional.

Por iso, AGEFEC considera que unha mesma condición territorial debe recibir a mesma compensación económica.

«Se o illamento é unha característica do territorio, a súa valoración económica non pode depender da categoría profesional da persoa que traballa nel».

O mesmo criterio se aplica á Modalidade G de soidade profesional.

Esta modalidade compensa os postos nos que non existe outro profesional da mesma categoría no concello. AGEFEC considera que esta circunstancia é conceptualmente idéntica para medicina e enfermaría: un único médico no concello representa soidade profesional, do mesmo xeito que a representa unha única enfermeira.

No caso da enfermaría, esta situación implica menor capacidade para compartir ou redistribuír actividade, organizar coberturas, repartir atención domiciliaria, realizar intersubstitucións internas ou manter a continuidade dos coidados ante unha ausencia.

Por este motivo, AGEFEC reclama igualmente a equiparación total da Modalidade G de enfermaría coa contía establecida para medicina de familia.

«A soidade profesional é a mesma cando existe un único médico que cando existe unha única enfermeira: o que se compensa é a ausencia doutro profesional da mesma categoría, non a profesión».

AGEFEC considera, ademais, que tanto a Modalidade F como a G deben utilizarse como verdadeiras ferramentas de captación e fidelización de profesionais en destinos rurais, afastados e de difícil cobertura, contribuíndo á estabilidade dos equipos e á equidade territorial no acceso aos servizos sanitarios.

AGEFEC reclama equiparar o valor económico dos obxectivos profesionais

Outro dos puntos de maior desigualdade identificados é o complemento de produtividade variable ligado ao cumprimento de obxectivos —CPV/ADX—.

Actualmente, a contía máxima anual é de 375,12 euros para enfermaría de Atención Primaria, fronte aos 2.490,96 euros establecidos para medicina de familia. A contía de enfermaría representa arredor do 15 % da correspondente a medicina.

AGEFEC propón equiparar a contía máxima anual da enfermaría á establecida para medicina de familia.

A asociación aclara que esta equiparación económica non significa que médicos e enfermeiras deban ter os mesmos indicadores. Os obxectivos deben responder ás competencias propias de cada profesión e existir indicadores especificamente enfermeiros relacionados coa actividade e cos resultados sobre os que estas profesionais teñan capacidade real de intervención.

Ámbitos como a prevención, promoción da saúde, vacinación, seguimento da cronicidade, atención domiciliaria, adherencia, control de factores de risco ou continuidade dos coidados requiren unha participación directa da enfermaría.

«Os obxectivos poden e deben ser diferentes porque as competencias profesionais son diferentes; o que non resulta proporcionado é que alcanzar os obxectivos propios da enfermaría se valore economicamente nun 15 % do que se valora o cumprimento dos obxectivos de medicina de familia».

AGEFEC reclama tamén que os obxectivos sexan definidos e comunicados desde o inicio do período de avaliación, sexan claros, medibles e alcanzables e que a Administración facilite os recursos, sistemas de información e formación necesarios para o seu cumprimento.

Recoñecer a responsabilidade das coordinacións de enfermaría

O posicionamento incorpora tamén medidas específicas para as coordinadoras e coordinadores de servizo de enfermaría.

AGEFEC propón elevar o complemento de destino destas prazas ao nivel 24, establecendo unha progresión coherente entre o posto asistencial ordinario, o posto de especialista e o posto con responsabilidade de coordinación.

A asociación reclama igualmente equiparar o complemento específico da coordinación, como mínimo, ao de Supervisor/a de Área Funcional, e equiparar dentro da Modalidade H a Coordinación de Servizo coa Xefatura de Servizo.

A proposta baséase nas responsabilidades reais que estas profesionais asumen en materia de planificación, organización, supervisión, avaliación, xestión de persoal e recursos e funcionamento global do servizo, compatibilizando en moitos casos estas funcións coa actividade asistencial.

Recoñecemento da docencia e das titoras de Enfermaría Familiar e Comunitaria

AGEFEC reclama igualmente un maior recoñecemento das especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria que participan na Formación Sanitaria Especializada dos residentes EIR.

A asociación propón incorporar a categoría de Enfermaría Familiar e Comunitaria aos mecanismos específicos de progresión na carreira profesional vinculados á titorización: posibilidade de progresión do grao inicial ao grao I tras dous anos de exercicio efectivo da titoría e do grao III ao IV tras cinco anos de titorización durante a permanencia no grao III.

Propón tamén converter este mecanismo nunha medida permanente e establecer unha retribución específica polo exercicio efectivo das responsabilidades docentes, incluíndo as funcións de titor/a principal, titor/a de apoio, Presidencia da Subcomisión de Especialidades de Enfermaría e coordinación docente de residentes ou titores.

Igual compensación cando se asume o traballo dunha profesional ausente

O documento aborda tamén a Modalidade J de intersubstitución, que compensa aos profesionais que, ademais da súa propia actividade, asumen a correspondente a outro profesional ausente e non substituído.

AGEFEC reclama que, cando unha enfermeira asuma efectivamente esa actividade adicional, a compensación se calcule tomando como referencia a carga e a produtividade correspondente á profesional ausente e se apliquen os mesmos conceptos e porcentaxes retributivos que ao resto das categorías de Atención Primaria.

A asociación lembra que unha ausencia non significa simplemente repartir pacientes: pode implicar asumir consultas programadas e non programadas, curas, procedementos, seguimentos de persoas con cronicidade, atención domiciliaria e actividades preventivas que non poden demorarse.

«Decidir como retribuímos é tamén decidir que Atención Primaria queremos»

Para AGEFEC, a reforma retributiva debe entenderse tamén como unha ferramenta de política sanitaria e de recursos humanos.

Un sistema retributivo adecuado pode contribuír a captar e fidelizar profesionais, facer máis atractivas as prazas rurais e de difícil cobertura, incentivar a especialización e a docencia, recoñecer responsabilidades e favorecer a estabilidade dos equipos.

Nun contexto marcado polo envellecemento, a cronicidade, a dependencia e unha necesidade crecente de atención domiciliaria, prevención, promoción da saúde e intervención comunitaria, a asociación considera contraditorio incrementar progresivamente a capacidade resolutiva, autonomía e responsabilidade das enfermeiras sen que exista unha evolución paralela do seu recoñecemento profesional e retributivo.

AGEFEC insiste en que a súa proposta non debe interpretarse como unha simple relación de incrementos económicos, senón como unha proposta de modernización do sistema retributivo destinada a corrixir desigualdades, actualizar conceptos obsoletos e vincular mellor a remuneración coa carga asistencial, a responsabilidade, a especialización e as condicións reais nas que se prestan os coidados.

«Recoñecer adecuadamente ás enfermeiras de Atención Primaria non é só unha cuestión retributiva: é unha decisión sobre que Atención Primaria queremos ter no futuro».

Buscador

Secciones

Etiquetas

Publicaciones recientes

AGEFEC reclama unha reforma integral do sistema retributivo das enfermeiras de Atención Primaria de Galicia

A AGEFEC considera moi desacertada a proposta de novas dotacións de enfermeiras de familia na Atención Primaria

MECE

Calendario Científico de Enfermaría