loader image

Saúde Pública

Introducción

Organización Mundial da Saúde define a Saúde Pública como “a ciencia e o arte de promove-la saúde, previ-la enfermidade e prolonga-la vida mediante esforzos organizados da sociedade”.

O grupo de traballo constitúese para promove-la xeración e difusión da evidencia científica deste campo das ciencias da saúde, con visión orientada aos coidados, á promoción da saúde e á prevención da enfermidade, adaptándose ás necesidades cambiantes da poboación e aos retos emerxentes en saúde pública.

Neste contexto, o grupo desenvolve a súa actividade na análise e difusión de coñecemento baseado na evidencia en ámbitos clave como a vacinación, a prevención de enfermidades transmisibles e non transmisibles e a resposta a novos problemas de saúde pública, promovendo a elaboración de materiais científicos e divulgativos e a participación en actividades formativas que contribúan á actualización dos profesionais e á mellora da saúde da poboación.

Para acadar estes fins, o grupo de traballo establece as seguintes áreas específicas de actuación:

  • Inmunización/vacinación.
  • Redes sentinela de epidemioloxía de coidados.
  • Estudo e divulgación dos resultados dos programas de vixilancia epidemiolóxica oficiais, de enfermidades transmisibles, non transmisibles e relacionados coa saúde laboral e ambiental.

Obxectivos

Obxectivo xeral:

Promove-la investigación e divulgar os resultados da mesma no campo da Saúde Pública.

Obxectivos específicos:

Elaborar e difundir contidos científicos e materiais educativos sobre prevención, vacinación e outros aspectos clave da saúde pública, dirixidos a profesionais e poboación.

Promover, facilitar e achegar a formación en competencias profesionais específicas deste campo ás Enfermeiras especialistas de Enfermaría Familiar e Comunitaria, impulsando a súa actualización continua e participación en actividades formativas.

Integrantes

COORDINADOR/A

ÁLVARO CARRERA GARCÍA

Enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria. Experto en xestión por procesos en unidades de xestión clínica (UNED-ISCIII). Titor EIR. Ponente en numerosas actividades de formación continuada. Autor de varias publicacións relacionadas co campo da especialidade. Experiencia en liderado e xestión de equipos, así como xestión de sociedades científicas (AGEFEC e FAECAP), implementación e desenvolvemento de campañas de saúde pública e vixilancia epidemiolóxica. CS Valle Inclán de Ourense.

Orcid: https://orcid.org/0000-0002-8707-7865

Linkedin: www.linkedin.com/in/alvarocgarcia

ANXELA SOTO RODRÍGUEZ

Doutora pola Universidade de Vigo (2016), con formación en Fisioterapia (2010) e Enfermaría (2014) e cun máster en Investigación en Ciencias da Saúde e do Deporte. Conta cunha destacada actividade investigadora no ámbito da promoción da saúde e da prevención da enfermidade, con publicacións científicas e numerosas participacións en congresos. Actualmente atópase finalizando a especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria en Ourense.

MARÍA AMOSA SERTO

Enfermeira especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria. Membro do grupo Abordaxe á Cronicidade dende a perspectiva holística da Enfermería Familiar e Comunitaria da FAECAP. Integrante do Comité Científico avaliador do IX congreso de AGEFEC.

CRISTINA GONZÁLEZ SÁENZ DE LAFUENTE

Enfermeira especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria. Diploma en Saúde Pública. Máster en Enfermaría de Práctica Avanzada en Vacinacións. Grao en Relacións Laborais e Ocupación. Centro de Saúde San José (Área Sanitaria da Coruña e Cee).