- A sociedade científico-profesional que aglutina ao conxunto das enfermeiras de Atención Primaria de Galicia, considera desproporcionados os criterios da Consellería e formula outros máis realistas.
En relación á mesa sectorial de sanidade do día 28 de setembro de 2026, e a información que ten feito pública a Consellería de Sanidade a través dos comunicados sobre o plan de recursos humanos sobre a dotación de novos postos, a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), como sociedade científica enfermeira que representa as Enfermeiras de Atención Primaria de Galicia, realiza as seguintes consideracións:
- Valoramos moi positivamente que a Consellería de Sanidade recoñeza unha vez máis o valor das enfermeiras especialistas de enfermaría familiar e comunitaria sobre o papel, recoñecendo o aporte que se realiza no día a día na abordaxe das enfermidades crónicas dende a perspectiva dos coidados, da promoción da saúde e a prevención da enfermidade e as súas complicacións, na actividade asistencial preventiva, comunitaria e domiciliaria.
- Lamentamos porén, que o recoñecemento sexa sobre papel mollado, pois os criterios de dotación de novos postos de traballo, afástanse notoriamente aos criterios non de calidade, se non básicos e elementais, para que as enfermeiras de atención primaria poidan desenvolver toda esta labor.
- Por outra banda, lamentamos o descoñecemento do rol, traballo e capacitación das enfermeiras especialistas en familiar e comunitaria por parte da Consellería, ao asociar o número de postos a existencia doutros profesionais. Lembramos que Enfermaría é unha profesión regulada, autónoma, independente e especializada, e non supeditada a presenza doutras. Sen ter clara esta realidade, non é posible xestionar nin planificar uns coidados de calidade e especializados que respondan as necesidades da poboación galega.
En base a estas consideracións, dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria, propoñemos a reformulación dos seguintes criterios, para dar unha resposta adecuada e eficaz ás necesidades dos galegos e galegas. Criterios de dotación de novos poste de traballo:
- Criterio de distribución etárea:
- Se a poboación de maiores de 65 anos é inferior ao 25% (menos de 300 persoas) da cota: 1.200 TIS
-
- Se a poboación de maiores de 65 é maior ao 25% (máis de 300 persoas) da cota: 1000 TIS. No suposto de que a poboación de maiores de 80 anos é maior do 20% (200 persoas), debe reducirse a 800 TIS.
- Criterio de consultas:
-
- Consideramos perigoso utilizar este criterio, pois non sempre responde ás necesidades da poboación, e moitas veces está ligado realidades de complexidade clínica, grao de control de enfermidade crónica, dispersión, illamento, problemas sociais. A enfermaría familiar e comunitaria realiza unha abordaxe integral e holística da persoa, a familia e a comunidade, cunha valoración integral e seguimento continuado a través de actividades proactivas, coidados especializados, promoción da saúde e prevención da enfermidade, fomento do autocoidado, etc. Todos estes factores poden determinar unha necesidade de atención moi diferente, facendo necesario considerar a complexidade e intensidade dos coidados requeridos, mesmo ante un número similar de consultas ou incluso inferiro. Así e todo, se a media de consultas anuais supera os 20 pacientes diarios (por tódolos motivos de consulta ou atención), deberán adoptar medidas de avaliación, corrección e reforzo.
- Criterio de dispersión xeográfica e dependencia:
-
- En zonas con alta taxa de pacientes inmobilizados e no que a atención domiciliaria require grandes desprazamentos “en tempo”, este factor debe ser avaliado individualmente para facilitar reforzos temporais ou dotar de novas prazas estruturais.
Por último, manifestar que a complexidade clínica (medicina) non sempre vai ligada a complexidade de coidados (enfermaría), porque se ben habitualmente están asociadas, hai moitas ocasións, que pacientes con atención recorrente, moi frecuente pola enfermeira de familia, apenas requiren seguimento por medicina, por tratarse de necesidades de coidados e non necesidades de diagnóstico médico e tratamento médico.
