loader image

Actualidade / Novas

Achegas da AGEFEC ao proxecto de modificación do decreto 134/2019

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria presenta as súas propostas ao proxecto de modificación do Decreto 134/2019, co obxectivo de reforzar a Atención Primaria, os coidados, a saúde comunitaria e o desenvolvemento da especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria.

Que supón este proxecto?

A Xunta de Galicia está a tramitar unha modificación do Decreto 134/2019, do 10 de outubro, norma que regula a organización das áreas e dos distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia.

A reforma reforza a presenza da Atención Primaria e Comunitaria e dos coidados na estrutura directiva das áreas sanitarias, incorporando expresamente a dimensión comunitaria e establecendo unha dependencia directa da Dirección de Atención Primaria e Comunitaria e da Dirección de Enfermaría e Coidados respecto da Xerencia de Área.

Desde AGEFEC valoramos positivamente esta orientación. Non obstante, consideramos que a reforma pode avanzar máis para garantir un desenvolvemento real e homoxéneo da saúde comunitaria nas sete áreas sanitarias, reforzar a participación da enfermaría na gobernanza da Atención Primaria e favorecer a implantación efectiva das especialidades de enfermaría, especialmente da Enfermaría Familiar e Comunitaria (EFeC).

As propostas da AGEFEC

Dar contido real á orientación comunitaria da Atención Primaria

AGEFEC considera que non abonda con incorporar o termo «comunitaria» á denominación da Dirección. Proponse incluír expresamente funcións relacionadas coa análise das necesidades de saúde da comunidade, a promoción da saúde, a participación comunitaria, a coordinación intersectorial, o mapeo de activos e a perspectiva de equidade e vulnerabilidade.

Unha Subdirección de Enfermaría de Atención Primaria e Comunitaria nas sete áreas

Solicitamos que todas as áreas sanitarias conten expresamente cunha Subdirección de Enfermaría e Coidados de Atención Primaria e Comunitaria, con competencias propias e específicas, garantindo unha estrutura homoxénea e unha interlocución enfermeira estable en todo o territorio galego.

Vincular a responsabilidade enfermeira á especialidade de EFeC

Proponse que o título de Enfermeiro/a Especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria sexa requisito para desempeñar a Subdirección de Enfermaría e Coidados de Atención Primaria e Comunitaria. Se non fose posible establecelo como requisito, debería considerarse un mérito específico e preferente.

Reservar a Dirección de Enfermaría e Coidados a profesionais de Enfermaría

AGEFEC solicita que a norma estableza expresamente que a persoa titular da Dirección de Enfermaría e Coidados debe estar en posesión do título que habilite para o exercicio profesional da Enfermaría, garantindo a correspondencia entre as competencias do órgano directivo e a cualificación de quen o dirixe.

Eliminar a denominación «Subdirección Médica de Atención Primaria e Comunitaria»

Nos anexos correspondentes ás áreas de Santiago de Compostela e A Barbanza e A Coruña e Cee utilízase esta denominación. AGEFEC propón substituíla por «Subdirección de Atención Primaria e Comunitaria», coherente co carácter multiprofesional deste nivel asistencial.

Garantir a representación enfermeira na Comisión de Atención Primaria

Proponse convertela na Comisión de Atención Primaria e Comunitaria da Área e incorporar á súa composición ás persoas responsables ou coordinadoras de enfermaría e coidados dos centros de saúde, ademais de incluír entre as súas funcións a saúde comunitaria, a participación cidadá e a coordinación intersectorial.

Avaliar a Atención Primaria máis alá da actividade e das axendas

Solicitamos incorporar indicadores específicos de accesibilidade, lonxitudinalidade, continuidade asistencial e de coidados, capacidade resolutiva, atención domiciliaria, prevención e promoción da saúde, actividade comunitaria, equidade e resultados en saúde.

Planificar as necesidades de profesionais e especialidades

A estrutura directiva debe identificar as necesidades das diferentes categorías e especialidades segundo as necesidades da poboación, a carteira de servizos e as competencias profesionais. AGEFEC propón tamén que a Dirección de Enfermaría e Coidados planifique, impulse e avalíe a implantación das especialidades de enfermaría.

Prioridades que AGEFEC considera esenciais

Dotar de contido real e avaliable á dimensión comunitaria da Atención Primaria.

Garantir unha Subdirección de Enfermaría e Coidados de Atención Primaria e Comunitaria identificada nas sete áreas sanitarias.

Vincular os postos de responsabilidade enfermeira en Atención Primaria á especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria.

Garantir que a Dirección de Enfermaría e Coidados sexa desempeñada por profesionais titulados en Enfermaría.

Avanzar cara a estruturas de gobernanza verdadeiramente multiprofesionais.

Incorporar a representación enfermeira e a dimensión comunitaria á Comisión de Atención Primaria.

Unha oportunidade para avanzar

AGEFEC entende que o proxecto representa unha oportunidade para consolidar unha estrutura directiva máis orientada á Atención Primaria, aos coidados e á comunidade.

As modificacións propostas buscan que este reforzo sexa efectivo e homoxéneo en todas as áreas sanitarias, coherente cun modelo multiprofesional, baseado nas competencias e orientado aos resultados en saúde.

Desde AGEFEC continuaremos participando nos procesos normativos que contribúan ao desenvolvemento da Enfermaría Familiar e Comunitaria e dunha Atención Primaria forte, resolutiva e verdadeiramente comunitaria.

Buscador

Secciones

Etiquetas

Publicaciones recientes

Calendario Científico de Enfermaría

Achegas da AGEFEC ao proxecto de modificación do decreto 134/2019

Minipílula GT Paliativos: Situación de últimos días

Novo diploma estatal para o recoñecemento das competencias das titoras e titores de FSE