- O día 6 de Maio celébrase o día internacional da Asma
- A asma é a enfermidade crónica máis frecuente en nenos.
- A participación activa do asmático no manexo da súa propia doenza, é un factor clave para conseguir o control da enfermidade.
O día mundial da asma celébrase dende o ano 1998 os primeiros martes de maio, co obxectivo de informar e sensibilizar á cidadanía sobre a situación dunha enfermidade crónica que padece preto do 5% da poboación mundial, na súa meirande parte nenos e adolescentes. Concretamente, a prevalencia media da asma no noso país é do 5% en adultos e do 10% na infancia.
A asma defínese como unha enfermidade inflamatoria crónica das vías aéreas, asociada á presenza de hiperreactividade bronquial que produce episodios recorrentes de sibilantes, disnea, opresión torácica e tose. O tratamento da asma ten como meta acadar que o doente realice unha vida normal, sen limitacións derivadas da súa enfermidade. O logro deste obxectivo depende especialmente da participación activa do paciente no control da asma.
A enfermeira familiar e comunitaria encóntrase nunha posición privilexiada para actuar sobre este colectivo e implicalo no seu autocoidado, proporcionándolle os coñecementos e instrucións necesarios para actuar sobre a enfermidade.
Dende a consulta de enfermaría de Atención Primaria consideramos indispensábel que o asmático distinga os síntomas e factores desencadeantes da enfermidade. Debe coñecer tamén como actúan cada un dos fármacos que emprega e debe ser adestrado na utilización correcta dos sistemas de inhalación que vaia a empregar para o seu tratamento, así como no uso do medidor pico fluxo, como medio de control do calibre das vías aéreas.
A partir da información recibida e das habilidades aprendidas, o enfermo debe saber detectar unha agudización da súa doenza, pudendo ser quen de regular o tratamento en función da gravidade da sintomatoloxía.
Estas intervencións dos profesionais nas consultas deben ser complementadas co traballo noutros ámbitos diferentes aos Centro de Saúde, como son o eido familiar e educativo.
A participación e responsabilidade das persoas, os grupos, as institucións e as comunidades no desenrolo continuo da saúde, é unha das políticas que a Organización Mundial da Saúde propón no seu documento “Saúde para todos no Século XXI”.
Andrea Otero Budiño
Enfermeira Interna Residente de Enfermaría Familiar e Comunitaria
