AGEFEC aposta por unha Atención Primaria forte, pública e resolutiva, na que a Enfermaría Familiar e Comunitaria ocupe o lugar que lle corresponde pola súa formación, competencias e capacidade para responder ás necesidades da cidadanía.
1
A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria é unha organización científico-profesional que reúne profesionais comprometidos co desenvolvemento da especialidade, coa mellora da Atención Primaria e coa calidade dos coidados prestados á cidadanía.
2
AGEFEC defende a procura de obxectivos colectivos mediante unha estratexia compartida, baseada no coñecemento científico, na experiencia profesional, na cooperación institucional e na participación das persoas asociadas.
3
Defendemos unha Atención Primaria pública, accesible, resolutiva e orientada ás persoas, ás familias e á comunidade. A atención debe garantir a lonxitudinalidade, a continuidade e a integralidade dos coidados ao longo de todas as etapas da vida, evitando a súa fragmentación e favorecendo o traballo multiprofesional e interdisciplinar.
Profesional de referencia
AGEFEC defende que todas as persoas teñan asignada unha enfermeira especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria como profesional de referencia, responsable de proporcionar coidados próximos, continuados, especializados e adaptados ás necesidades da persoa, da súa familia e da comunidade.
5
A formación especializada debe traducirse nun recoñecemento efectivo dentro do sistema sanitario, mediante prazas específicas, funcións acordes coas competencias adquiridas e oportunidades reais de desenvolvemento profesional, docente, investigador, comunitario e de liderado.
Horizonte estratéxico
100 %
O horizonte estratéxico debe ser a reconversión progresiva do 100 % das prazas estruturais de enfermaría de Atención Primaria en prazas da categoría de Enfermaría Familiar e Comunitaria.
Esta transformación debe realizarse mediante un plan plurianual, negociado, transparente e avaliable, cun calendario definido e unha planificación diferenciada por áreas sanitarias.
7
Ningunha enfermeira especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria debería verse obrigada a abandonar o ámbito profesional para o que foi formada ao finalizar a residencia. O sistema sanitario debe adoptar medidas activas de captación, fidelización e estabilización que permitan incorporar e conservar este capital profesional.
Punto 8
Como medidas prioritarias, AGEFEC reclama:
Contratación temporal específica
Garantir a utilización efectiva e preferente das listas da categoría EFeC para cubrir as prazas, ausencias, vacantes e necesidades asistenciais de Atención Primaria que correspondan ás competencias da especialidade.
O recurso ás listas de enfermaría de coidados xerais debería ser subsidiario, excepcional e debidamente xustificado.
Estabilización e emprego público
Culminar con axilidade os procesos selectivos en curso e establecer convocatorias periódicas, suficientes e adaptadas ás necesidades reais do sistema, co obxectivo de reducir a temporalidade e ofrecer estabilidade ás especialistas dispoñibles en Galicia.
Concurso específico
Completar, resolver e executar sen novas demoras o concurso específico previsto na disposición transitoria segunda do Decreto 81/2016, garantindo un número suficiente de prazas, criterios transparentes e homoxéneos e unha adxudicación áxil.
Este proceso excepcional debe constituír un paso dentro da reconversión progresiva das prazas, e non o seu punto final.
Identificación das prazas e funcións especialistas
Definir e identificar claramente as prazas EFeC nas estruturas de persoal de Atención Primaria, favorecendo que conten con poboación asignada e funcións acordes coas competencias da especialidade.
As especialistas deben poder acceder en igualdade de condicións a postos de coordinación, xestión, docencia, investigación e liderado de programas asistenciais e comunitarios.
Protección da formación EIR
Crear, identificar e preservar prazas EFeC con perfil docente, recoñecer adecuadamente o labor das titoras e garantirlles tempo, formación e condicións organizativas suficientes para desenvolver as súas funcións.
Planificación da oferta EIR
Planificar anualmente a oferta de prazas EIR de Enfermaría Familiar e Comunitaria en función das necesidades futuras do sistema sanitario, da capacidade estrutural das unidades docentes e da dispoñibilidade real de titoras e dispositivos acreditados, sen que o incremento da oferta poña en risco a calidade formativa.
Seguimento e avaliación
Establecer un sistema público de seguimento da reconversión de prazas, da contratación, da temporalidade, da oferta formativa e da permanencia das especialistas no sistema sanitario galego, con información desagregada por áreas sanitarias.
Participación e compromiso
Para acadar estes obxectivos é imprescindible a implicación das persoas asociadas e do conxunto das enfermeiras de Atención Primaria.
A participación profesional e a defensa colectiva da especialidade son fundamentais para construír unha Atención Primaria máis forte e preparada para responder ás necesidades presentes e futuras da cidadanía.